Mino Martínez, presidente de Cegasal

Entrevista a Mino Martínez, presidente de Cegasal

  • Mino, que convive cunha discapacidade sensorial auditiva desde os 4 anos, comezou a súa carreira profesional formándose no sector náutico
  • "Traballaremos por seguir sendo unha voz forte para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro en Galicia"
Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023. O muradán Mino Martínez Lago ocupa a presidencia da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (CEGASAL) desde este verán tras ser elixido por unanimidade na Asemblea Extraordinaria de xuño. “Quero darlle as grazas aos socios pola aprobación na asemblea da candidatura que presentamos, imos traballar con todas as ganas. Agradecerlle tamén ás Xuntas Directivas e presidentes anteriores de CEGASAL polo seu traballo ao longo destes máis de 25 anos e ao equipo actual, composto por persoas altamente cualificadas, polo seu arduo traballo diario”.

Mino, que convive cunha discapacidade sensorial auditiva desde os 4 anos, comezou a súa carreira profesional formándose no sector náutico e desde o 2001 desenvolve habilidades de xestión administrativa. Leva vinculado aos centros especiais de emprego desde moi pronta idade, así o explica: “Debido á miña temperá discapacidade, entrei en contacto coa Asociación de Discapacitados da Comarca de Muros, que me axudou a obter o que se chamaba o certificado de minusvalía, hoxe coñecido como o certificado de discapacidade. A partir de aí, comecei a traballar no departamento administrativo do centro especial de emprego sen ánimo de lucro Esteirana, alí, durante dez anos, fun cultivando as miñas habilidades administrativas e de xestión comercial”. Posteriormente, no 2011, únese ao CEEIS Artegalia, do que actualmente é xerente. Coa pandemia e baixo a marca Alentae, Artegalia dá o salto á fabricación de máscaras cirúrxicas.

En que momento se cruza no seu camiño CEGASAL?

Artegalia é un dos centros especiais de emprego de COGAMI e todos eles están asociados a CEGASAL. Coñecín CEGASAL desde os seus inicios a través desta entidade. Considérome unha persoa que se involucra nos lugares nos que estou e a miña participación, gradualmente, levoume a formar parte da Xunta Girectiva anterior como vogal.

Que balance fai da evolución da asociación desde o seu comezo ata agora?

CEGASAL constituíuse como un órgano empresarial para representar aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, principalmente a nivel institucional. Co tempo, abriu portas de negociación e contactos coa administración pública, a contorna política e sindical. CEGASAL é o organismo que negociou o convenio colectivo dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro en Galicia. A súa evolución foi impresionante, pasando de ocuparse de xestións máis concretas a converterse no organismo que dá a coñecer, especialmente ante as administracións, o que son os CEEIS. CEGASAL non só se dedica á divulgación, senón tamén a brindar asesoramento e apoio lexislativo aos centros. Ademais, nos últimos anos ampliou a súa presenza no sector empresarial privado, o que foi un logro significativo.

Agora que é o presidente de CEGASAL, como afronta este novo desafío, tanto a nivel profesional como persoal?

Con moita ilusión e responsabilidade. Síntome orgulloso de ser elixido para representar a CEGASAL, que creceu considerablemente en número de socios e ten un impacto significativo na vida das máis de 2.150 persoas que traballan nos CEE. Apaixóname a idea de brindar oportunidades, tanto no profesional como no persoal. Teño un forte sentido de responsabilidade, xa que moitas decisións que se toman en CEGASAL poden afectar á viabilidade dos centros. Afronto esta nova etapa con ilusión, ganas e unha gran responsabilidade.

En que proxectos está a traballar CEGASAL actualmente?

Temos varios proxectos en desenvolvemento, por exemplo un vinculado á igualdade e outros ligados á Rede Eusumo. Un dos últimos que acabamos de lanzar é Capacitad@mente, co que buscamos mellorar a empregabilidade das persoas con enfermidades crónicas de saúde mental. Esta iniciativa é fundamental para cubrir a crecente demanda de emprego neste sector e apoiar o desenvolvemento persoal das persoas involucradas. Realizámolo en colaboración co Sergas, especificamente coa área de Psiquiatría da Coruña, e Janssen España. Comezaremos nesta área e planeamos expandilo a outras nos próximos anos. O obxectivo é proporcionar formación teórica e práctica ás persoas con enfermidades crónicas de saúde mental para que poidan incorporarse ao mercado laboral. Os perfís das persoas que participarán serán seleccionados polo departamento de psiquiatría, e o proxecto incluirá apoio psicolóxico para os formadores dos centros especiais de emprego que participan.

Que metas e liñas de traballo se marca CEGASAL para o futuro? Manteremos o que funciona ben e irémonos adaptando aos cambios que se dean na sociedade e no mercado laboral. Escoitaremos as necesidades e ideas dos nosos socios para impulsar novos proxectos. A nosa misión seguirá sendo defender os nosos dereitos e responsabilidades legais, así como promover os CEEIS e a economía social en xeral. Queremos continuar traballando na visibilidade dos centros especiais de emprego na sociedade e no sector empresarial. Aínda existe certa confusión sobre os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e con ánimo de lucro. Os primeiros son promovidos por asociacións sen ánimo de lucro e o obxectivo é reverter os beneficios na propia empresa, ben sexa en formación, en mellorar as instalacións, adquirir maquinaria ou ferramentas novas ou ampliar a contratación. Isto si é unha verdadeira economía social.

Traballaremos por seguir sendo unha voz forte para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro en Galicia e na divulgación da economía social na nosa comunidade, na que o papel do Foro pola Economía Social Galega é imprescindible.

 

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar